Sunday 05 de May de 2024

O Plan especial de control tributario permitiu detectar en 2014 importes non declarados por máis de 50 millóns de euros


O presidente da Xunta salienta que o 90% dos galegos pagan axeitadamente os seus impostos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Plan especial de control tributario permitiu detectar en 2014 importes non declarados por máis de 50 millóns de euros.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo lembrou que o Plan especial de control tributario, posto en marcha o pasado ano 2014, estableceu no ámbito da xestión e da inspección tributaria as liñas de actuación preferente. “Ao abeiro do plan incrementáronse un 22% as comprobacións das autoliquidacións ata acadar un total de 115.600 comprobacións. E o resultado é que o 90% dos galegos pagan axeitadamente os seus impostos e, no resto dos casos, 13.000, a Axencia practicou unha liquidación para que o contribuínte tribute conforme á legalidade, o que supuxo un 38% máis que o ano anterior”, explicou.

Nesta mesma liña, salientou que se incrementaron tamén nun 12% o número de requirimentos, superando os 5.000; aumentaron un 26% os trámites de audiencia; e medrou un 17% a cifra de bens valorados, que chegaron aos 447.000.

“Con estas actuacións de xestión, detectáronse en total 35,6 millóns de euros que non foran declarados”, aseverou o presidente do Executivo autonómico.

No eido da inspección, cómpre salientar que tamén se incrementou un 34% os importes detectados nos Impostos de Sucesións e Doazóns e no de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, o que permitiu detectar unha fraude de 15,1 millóns de euros.

“En definitiva, o Plan especial de control tributario 2014 reforzou a xestión e a inspección e permitiu detectar unha fraude fiscal de 50,7 millóns de euros”, concluíu o presidente da Xunta.